domingo, 13 de octubre de 2013

Ferrol forma parte da Historia Universal. Ferrol ten ocupado unha posición privilexiada durante séculos e ten escrito importantes páxinas na historia de España. A nosa situación xeoestratéxica fixo da nosa cidade un enclave fundamental para a Armada Española, e un referente internacional para a construción naval como asentamento dos máis modernos estaleiros de toda Europa. É así como a cidade que hoxe coñecemos xurdiu en pleno século XVIII. Situada no noroeste peninsular, protexida en medio dunha gran enseada, e fortificada por dous castelos que custodian unha magnífica ría que mesmo foi escenario dun desembarco promovido polos exércitos ingleses que ansiaban facerse co consideraban o mellor porto natural da costa atlántica de Europa. Ferrol ten sido un lugar de encrucillada de civilizacións e de rutas de comercio marítimo, e tamén é o caso máis paradigmático dunha urbe recreada por e para o servizo da Coroa de España na época da Ilustración.
A referencia máis antiga que se coñece de Ferrol data do século I, en que o historiador romano Pomponio Mela fai referencia ao Magnus Portus Artabrorum para designar as rías de Ferrol, Pontedeume e Betanzos. No protexido interior da primeira, onde hoxe se asenta Ferrol Vello, levantouse un castro costeiro, orixe da actual cidade de Ferrol. Dentro da lenta formación das vilas e cidades, orixinada durante o tardomedievo, Ferrol transformouse nun poboado mariñeiro e pescador de certa entidade arredor da antiga igrexa parroquial de San Xiao. Nas súas orixes foi unha vila reguengo e, como tal, gozou de diferentes foros e privilexios que lle foron concedidos por varios monarcas dende o século XII.
No ano 1371 Ferrol pasou a depender do señorío dos Condes de Andrade, quedando dende entón sometido a unha das máis poderosas familias da Galicia Medieval. O seu porto estivo aberto ás rutas marítimas dende esa época, sendo lugar de atraque, tanto dos buques que trasladaban peregrinos a Santiago de Compostela, chegados das illas Británicas e das nacións do Norte de Europa, como das naves comerciais procedentes de Flandes e Venecia.
A partir do século XVI, as boas condicións naturais da ría de Ferrol e a súa localización estratéxica chamaron a atención da Coroa dos Borbóns, e converteron a súa ría e porto en lugar de arribada e fondeo da Armada Real, mentres se empezaban a construír as fortificacións defensivas da ría. O castelo de San Felipe foi construído en 1577 e dende el partía unha cadea que en caso de incursión naval era levantada impedíndolle o paso aos navíos hostís. En 1594, a Armada inglesa fracasou no seu intento de apoderarse de Ferrol.
Ferrol é unha cidade cun pasado, presente e futuro ligado ao naval e á Coroa. Por decisión da monarquía Borbónica e como consecuencia das magníficas condicións de seguridade da ría, a cidade é designada en 1726 en Capital do Departamento Marítimo do Norte. A partir do ano 1749, durante o reinado de Fernando IV, a creación dos estaleiros e do Arsenal Militar, con capacidade de até cen navíos, e a construción dunha moderna cidade, trouxeron consigo a chegada masiva de traballadores para acometer as obras, e convértese Ferrol en pouco tempo na cidade máis poboada de Galicia. O 25 de agosto de 1800 tería lugar unha das batallas navais máis celebres: o fracasado intento de apoderarse da cidade por parte de máis de cen barcos e 15.000 homes da Armada inglesa comandados polo almirante Warren. Napoleón celebrou a derrota inglesa brindando “polos valentes ferroláns”.
Durante o século XVIII, o Ferrol da Ilustración foi a porta de entrada do Academicismo en Galicia. Acentuouse o peso da industria naval e deu lugar a un notable patrimonio industrial que chegou até os nosos días en forma de dous importantes estaleiros, herdeiros dos mandados construír pola Coroa no Século das Luces. En Ferrol realizouse a botadura do primeiro barco a vapor de España, en 1858; en 1881 a do primeiro barco con casco de ferro e, en 1912 Alfonso III presidiu o lanzamento á ría do primeiro navío acoirazado, de nome “España”.
Despois de anos de crecemento industrial, sempre ligado ao naval, a década dos oitenta do século pasado marca un antes un despois da historia de Ferrol. Dende 1982 até finais da década dos noventa a cidade enfrontouse a numerosos problemas debido ao declinar do sector naval. O principio do novo milenio, con todo, foi en xeral un tempo de relativa expansión económica e prosperidade. A chegada da autoestrada do Atlántico e a construción do Porto Exterior supuxeron un importante impulso para a cidade e toda a súa comarca.


Bandeira


Bandeira de Ferrol


Escudo


Escudo de Ferrol

No hay comentarios:

Publicar un comentario